A Xunta lembra que os proxectos de emprendemento feminino poden optar ás axudas do programa Emega

O prazo para solicitar estas axudas, que contan cun orzamento de máis de cinco millóns de euros, está aberto ata o 14 de agosto e poderán beneficiarse máis de 350 iniciativas emprendedoras galegas lideradas por mulleres.
Emega
26 Jul 2025

A Xunta de Galicia lembra que os proxectos de emprendemento feminino poden acollerse ás axudas do programa Emega, unha iniciativa que impulsa e apoia o talento das mulleres emprendedoras galegas. O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 14 de agosto e o programa conta cun orzamento que supera os cinco millóns de euros, co obxectivo de beneficiar máis de 350 iniciativas empresariais.

A orde inclúe catro modalidades de axuda:

Emega Emerxe, cunha contía de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable, tanto por conta propia como allea.

Emega Impulsa, que achega ata 17.000 euros para favorecer a reactivación e consolidación de empresas xa creadas por mulleres, así como para implementar medidas innovadoras que melloren a competitividade.

Emega Innova, con axudas de ata 42.000 euros, destinada ao desenvolvemento de proxectos con contido científico ou base tecnolóxica.

Emega Concilia, unha liña complementaria que pretende facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Estas axudas están cofinanciadas ao 60% pola Unión Europea a través do programa FSE Galicia 2021-2027. Ademais, inclúen medidas específicas para apoiar a mulleres maiores de 55 anos, proxectos no medio rural, en sectores masculinizados e iniciativas colaborativas.

Neste contexto, os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego xogan un papel clave, desenvolvendo programas de formación específica para as mulleres beneficiarias.

⚙ Configurar cookies
0.22329902648926