A Xunta lembra que segue aberto o prazo das axudas do 0,7 % do IRPF para entidades do Terceiro Sector

As entidades poden solicitar as axudas ata o 30 de xullo. O orzamento supera os 33 millóns de euros e podería alcanzar os 35,5 M€, un 7 % máis que na convocatoria anterior.
Xunta irpf
28 Jul 2025

A Xunta de Galicia lembra que está aberto ata o vindeiro mércores 30 de xullo o prazo para solicitar as axudas destinadas á realización de programas con fins sociais por parte de entidades do Terceiro Sector. A convocatoria conta cun orzamento inicial de 33,2 millóns de euros, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e do Imposto de Sociedades.

O Goberno galego prevé que, unha vez o Estado formalice a cantidade definitiva que lle corresponde a Galicia, a dotación total desta orde de achegas —xestionada pola Consellería de Política Social e Igualdade— ascenda ata os 35,5 millóns de euros. Esta cifra supón un incremento do 7 % respecto da convocatoria do ano pasado.

As axudas van dirixidas a entidades que traballan nos eidos das políticas sociais e da igualdade, desenvolvendo programas de protección á infancia, atención a persoas maiores ou con discapacidade, inclusión social, promoción da igualdade ou loita contra a violencia de xénero. Tamén se inclúen investimentos para equipación, adaptación ou rehabilitación de centros e adquisición de vehículos.

Na anterior convocatoria, financiáronse 744 programas promovidos por 155 entidades, o que supón 48 iniciativas e 8 entidades máis ca en 2023. Dende a primeira edición destas achegas en 2017, na que se apoiaron 201 programas de 55 entidades, a tendencia foi de crecemento continuo.

⚙ Configurar cookies
0.21186995506287