A Xunta licita as obras para construír 56 vivendas públicas en Valdecorvos cun investimento de 9,3 millóns de euros

A conselleira María Martínez Allegue visitou Valdecorvos con motivo da licitación da primeira obra promovida por VIPUGAL, que contempla tres bloques residenciais e prazo de execución de 18 meses.
Licitacion Pontevedra
18 Jul 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe a parcela P-14 de Valdecorvos para anunciar a licitación das obras de construción de 56 vivendas públicas por parte da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia (VIPUGAL). O prazo para presentar ofertas estará aberto ata o vindeiro 9 de setembro. A Xunta investirá nesta actuación un total de 9,3 millóns de euros.

O proxecto contempla tres bloques independentes de catro alturas máis baixo cuberta, con garaxes, rochos e locais. O prazo estimado de execución é de 18 meses.

Martínez Allegue salientou que VIPUGAL “traballa ao máximo rendemento” para dar resposta ás necesidades de acceso á vivenda, e puxo en valor que esta é a primeira obra licitada pola sociedade pública. Criticou ademais a falta de compromiso do Goberno central e do Ministerio de Vivenda, que “promete milleiros de vivendas sen ter licitado sequera a primeira”, e lembrou que Galicia non accede aos préstamos ICO prometidos.

A actuación forma parte dun conxunto máis amplo que contempla 236 vivendas públicas en Valdecorvos. Actualmente hai 74 en construción e xa se realizou o sorteo para a súa adxudicación provisional. A estas hai que sumar as 56 licitadas hoxe, outras 48 que sairán proximamente a licitación na parcela P17, e 4 baixos que se transformarán en vivendas.

Ademais, está licitada a redacción de proxectos para construír 54 vivendas na parcela P19, 53 na parcela de Tafisa cedida polo Concello, e outras 11 na parcela das Devesas, tamén cedida pola administración local.

⚙ Configurar cookies
0.27236104011536