A Xunta licita as primeiras 16 obras en centros educativos de 2026 por máis de 16 millóns

A Xunta de Galicia iniciou a execución do Orzamento de 2026 en materia de infraestruturas educativas coa licitación das primeiras 16 obras en centros escolares por un importe superior aos 16 millóns de euros. Así o anunciou en Camariñas o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a súa visita ao CEIP O Areal, onde presentou o proxecto de rehabilitación integral do centro.
Estas actuacións forman parte da partida de 73,6 millóns de euros incluída pola Consellería de Educación nas contas autonómicas de 2026, un exercicio no que o investimento en obras educativas medra un 4 % respecto ao ano anterior. O obxectivo é avanzar na mellora dos colexios e institutos existentes, na ampliación daqueles con maior demanda e na construción de novos centros.
O conselleiro salientou que a Xunta asume en solitario o custo destas melloras, logo da negativa do Goberno central a impulsar un plan estatal de renovación das infraestruturas educativas e a reducir o IVE deste tipo de intervencións. Lembrou que ambas propostas foron aprobadas polo Parlamento galego e permitirían avanzar con maior rapidez na modernización do sistema educativo público.
As primeiras 16 obras de 2026 intégranse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, que prevé un investimento próximo aos 500 millóns de euros ata 2028 para crear, ampliar e modernizar centros en toda Galicia. Trátase, segundo indicou Rodríguez, dunha aposta por espazos educativos máis eficientes, accesibles e adaptados ás necesidades do século XXI.
En concreto, as actuacións inclúen tres ampliacións, unha decena de rehabilitacións integrais, dous cambios de cuberta e o peche lateral dunha pista deportiva. As obras contemplan melloras de eficiencia enerxética, illamento térmico, renovación de cubertas, ventás e iluminación, así como actuacións de accesibilidade, co fin de mellorar o confort da comunidade educativa e reducir o consumo enerxético.