A Xunta mantén activado o Plan Camgal polo vertido dun depósito de graxa de palma na ría de Vigo

A Xunta de Galicia mantén activado o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) no seu nivel de emerxencia 1 tras a rotura dun depósito de graxa de palma na zona portuaria de Guixar, en Vigo.
Desde primeira hora da tarde, operan no lugar os medios materiais e humanos despregados polo Servizo de Gardacostas de Galicia e pola Autoridade Portuaria de Vigo para recoller o vertido que chegou á ría.
O dispositivo mobilizado pola Consellería do Mar inclúe os buques multipropósito Valentín Paz Andrade e Irmáns García Nodal, desprazados desde o porto de Vilagarcía, e o Ría de Vigo, procedente de Marín. Tamén participan unha embarcación auxiliar e efectivos con base operativa en Vigo, ademais dos servizos centrais de Gardacostas.
Pola súa parte, a Autoridade Portuaria de Vigo mobilizou persoal de Seguridade e Sustentabilidade, que despregou barreiras de contención desde o primeiro momento, así como á Policía Portuaria. Entre os medios marítimos utilizados atópanse as embarcacións Pelícano, destinada á limpeza da lámina de auga, e Segem, especializada na loita contra a contaminación. Ademais, Sasemar e a empresa de mergulladores Northcomdiving tamén colaboran co seu persoal e recursos.
Segundo a información facilitada polos técnicos, o vertido non é tóxico nin para a poboación nin para o medio mariño, xa que se trata dunha mancha sólida provocada por un produto empregado na alimentación de gando e aves, polo que non se considera contaminante.
A Administración autonómica informou de que a fuga foi causada pola implosión dun silo durante os traballos de descarga, e que o vertido xa cesou, aínda que os equipos técnicos e humanos seguirán traballando durante as próximas horas para garantir a súa completa recollida.