A Xunta mantén as bonificacións e conxela os peaxes das autopistas autonómicas en 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o Executivo autonómico renovará o convenio coa concesionaria Autopistas de Galicia para manter as bonificacións actuais e conxelar os peaxes das autopistas autonómicas AG-55 A Coruña–Carballo e AG-57 Val Miñor durante o ano 2026.
A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, destinará 6,3 millóns de euros para seguir aplicando as bonificacións existentes e a limitación do IPC. Deste xeito, o Goberno galego compensará á concesionaria polo diferencial entre as tarifas contractuais e os peaxes que se aplicarán en 2026. “A subida do IPC será asumida polas arcas autonómicas para que as persoas usuarias non noten ningún incremento”, subliñou Rueda.
O obxectivo é estender ao ano 2026 a limitación tarifaria prevista na normativa contractual, evitando que os peaxes se actualicen conforme ao IPC. “Os case 30.000 usuarios diarios destas vías pagarán o mesmo que viñan pagando ata agora”, indicou o presidente.
Con esta medida, as tarifas base para o cálculo dos peaxes manteranse inalteradas respecto a 2025, polo que as persoas usuarias abonarán os mesmos importes que na actualidade.
Mantemento das bonificacións
A addenda ao convenio aprobada no Consello da Xunta garante tamén a continuidade das distintas liñas de bonificación impulsadas pola Xunta, permitindo que estas autopistas “sigan sendo das máis baratas de España”, destacou Rueda.
Seguirán en vigor as bonificacións por recorrencia, co desconto do 25 % na viaxe de volta e do 50 % na segunda volta, aplicables ata 24 horas despois da viaxe de ida, unha medida que favorece especialmente ás persoas que se desprazan a diario por motivos laborais ou para acceder a servizos públicos.
Tamén se manterá a bonificación do 100 % na viaxe de volta para as familias numerosas, así como os descontos compatibles en horario nocturno, cunha redución do 50 %.
Segundo explicou o presidente da Xunta, a conxelación dos peaxes e o mantemento das bonificacións permitirán que unha persoa usuaria habitual da autopista Vigo–Baiona aforre arredor de 260 euros ao ano, cifra que supera os 390 euros anuais no caso do traxecto A Coruña–Carballo.