A Xunta mobilizará en 2026 preto de 41 millóns para apoiar ás persoas autónomas

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor no Pleno do Parlamento a acción da Xunta de Galicia a favor das persoas traballadoras autónomas, cunha aposta decidida polo apoio, o acompañamento e a redución de trabas burocráticas. Fíxoo no marco da resposta a unha pregunta sobre as últimas medidas laborais adoptadas polo Goberno central.
González avanzou que a Xunta mobilizará en 2026 arredor de 41 millóns de euros a través dunha orde unificada de axudas ao colectivo autónomo, coa que se prevé beneficiar a unhas 9.000 persoas. Esta convocatoria integrará os principais programas do sector cun enfoque integral, desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, incluíndo tamén medidas de conciliación, relevo xeracional e nova oportunidade para quen queira retomar un proxecto emprendedor.
O conselleiro contrapuxo este modelo ao escenario estatal, que —segundo indicou— continúa endurecéndose ao incrementar cargas fiscais e xerar incerteza normativa sen ter en conta a realidade das pemes e das persoas autónomas, que representan o 99,8 % do tecido produtivo galego.
Entre as novidades da orde de 2026, destacou a ampliación da cota cero ata os 24 meses para novos autónomos que inicien actividades vencelladas á agricultura, a gandaría ou a silvicultura. Ademais, o bono Remuda incrementará o seu orzamento nun 20 %, ata acadar os 1,5 millóns de euros, co obxectivo de favorecer a continuidade dos negocios e garantir o relevo xeracional.
González salientou tamén o papel estratéxico do comercio, apoiado en ferramentas como o Plan Estratéxico do Sector 2025-2030, elaborado en consenso cos axentes económicos. A eficacia das políticas da Xunta, apuntou, reflíctese en que Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior peso de persoas traballadoras autónomas sobre o total de afiliacións, cunha porcentaxe próxima ao 20 %, case catro puntos por riba da media estatal.
No apartado crítico, o conselleiro referiuse á reforma do sistema de cotizacións de autónomos e á implantación do sistema Verifactu, cuxa recente prórroga cualificou como un síntoma da falta de planificación e consenso. Tamén advertiu da crecente complexidade normativa en España, un 16 % superior á media da UE, e reclamou a exención do IVE para persoas con facturación inferior aos 85.000 euros anuais. Finalmente, subliñou que medidas como a redución da xornada laboral ou o incremento do SMI deben adoptarse desde o diálogo social e atendendo á realidade empresarial.