A Xunta modifica a Lei de Saúde de Galicia para reforzar a protección do persoal sanitario fronte ás agresións

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello da Xunta aprobou o proxecto de modificación da Lei de Saúde de Galicia, co obxectivo de reforzar a protección do persoal sanitario fronte a todo tipo de agresións, tanto físicas, verbais como dixitais.
Rueda destacou que Galicia será “a primeira comunidade en incluír sancións por agresións ao persoal técnico de emerxencias sanitarias e do 061”, un compromiso adquirido pola Consellería de Sanidade coas asociacións que representan a estes profesionais, especialmente expostos ao risco.
A reforma amplía a definición de “profesional sanitario” a persoal de inspección, admisión e administración, e introduce a violencia dixital como nova forma de agresión exercida por pacientes ou acompañantes, tanto dentro como fóra dos centros sanitarios.
O texto tamén recolle novas medidas de protección para as vítimas: en casos graves, a persoa infractora poderá ser trasladada a outro centro ou asignada a outro profesional sanitario, mentres que a vítima poderá solicitar mobilidade laboral se así o desexa.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou que “as gravacións en consulta sen consentimento serán consideradas unha quebra da confianza, e o profesional poderá suspender a asistencia, deixando constancia na historia clínica”. Ademais, o Sergas ofrecerá apoio psicolóxico e asesoramento xurídico ás persoas agredidas.
A nova lei crea tamén o Plan galego de prevención contra a violencia no ámbito sanitario e o Rexistro galego de actos de violencia externa, que recompilará todos os casos sancionados.
Segundo explicou o Goberno galego, esta reforma “pretende actualizar unha normativa do 2008 á realidade actual, garantindo que todo o persoal sanitario conte coa protección, o respecto e os medios necesarios para exercer o seu labor con seguridade”.