A Xunta ofrece 368 rutas guiadas e gratuítas para visitar as Illas Atlánticas este verán

A Xunta de Galicia ofrece este verán un total de 368 rutas guiadas e gratuítas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, que permitirán a arredor de 5.400 persoas coñecer a riqueza natural, cultural e histórica deste espazo protexido.
As rutas terán lugar entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, organizadas en grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade. No caso das illas Cíes e Ons, a inscrición poderá facerse tanto presencialmente nos stands informativos como en liña a través da central de reservas.
Para o arquipélago de Cortegada, as visitas (en grupos de 14-15 persoas) celebraranse os domingos e só poderán reservarse por internet. Levan por título Cortegada, un bosque no medio do mar, e haberá oito sesións entre xuño e agosto.
Tamén haberá actividades puntuais na illa de Sálvora a partir de xullo, que se anunciarán proximamente.
Cómpre lembrar que, aínda que as rutas son gratuítas, as persoas participantes deberán asumir o custo do transporte ás illas, agás no caso de Cortegada, onde o Parque organiza o grupo e contrata a navieira, sendo o billete a cargo da persoa usuaria.
Os itinerarios inclúen temáticas tanto ambientais como etnográficas e históricas, con propostas como Cíes, unha illa de paisaxes, Ons: unha illa con dúas caras, Cíes: unha viaxe no tempo ou Os primeiros poboadores de Ons. Tamén hai percorridos máis breves como O segredo da praia de Rodas ou Por que as augas están tan frías?
Este programa, en funcionamento desde o ano 2004, permitiu a participación de preto de 60.000 persoas ao longo destas dúas décadas, e a edición deste verán será a máis ampla ata o momento.