A Xunta organiza en Santiago unha xornada de benestar dixital para fomentar o uso responsable das pantallas en familia

A Xunta está a ultimar os preparativos da Xornada de Benestar Dixital Familiar, que se celebrará o vindeiro sábado 27 de setembro no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela.
A iniciativa, impulsada pola Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, ten como obxectivo fomentar a convivencia saudable coas pantallas no seo das familias e promover hábitos responsables no entorno dixital.
Ao longo da xornada, que se desenvolverá entre as 12:00 e as 20:00 horas, organizaranse diferentes actividades dirixidas a todas as idades. O programa estrutúrase en catro eixes: un torneo interxeracional de Mario Kart para nais, pais e fillos; un obradoiro con pautas e ferramentas sobre contidos adecuados a cada franxa de idade; dinámicas que combinarán ocio tradicional con ocio dixital; e un espazo para coñecer as últimas tendencias do entretemento dixital e os retos tecnolóxicos do futuro, como a realidade virtual ou a intelixencia artificial.
Ademais, haberá actividades formativas, experiencias dixitais e espazos de lecer para crear un ambiente ameno. A participación será de balde: as familias só terán que acudir ao hall do Multiusos Fontes do Sar, onde poderán inscribirse mediante un formulario con código QR ou en soporte físico.
Os datos recollidos servirán para realizar un seguimento ás catro semanas, avaliando o impacto das novas pautas dixitais nos fogares participantes. A Consellería de Sanidade prevé estender esta experiencia a outras localidades galegas.