A Xunta pagará esta semana preto de 46 millóns de euros do anticipo da PAC

A Xunta de Galicia pagará esta mesma semana, entre os días 21 e o 23, máis de 46 millóns de euros en concepto de anticipo da PAC. Deste pagamento vanse beneficiar un total 12.172 persoas agricultoras e gandeiras da nosa comunidade. Destes fondos, aproximadamente 10,7 corresponden a vacún de carne e 35,5 a vacún de leite.
O resto dos pagamentos directos da campaña 2026 da PAC terán que ser aboados obrigatoriamente a partir do día 1 de decembro, de maneira que o prazo final de pagamento sexa, como máis tarde, o 30 de xuño de 2027.
O obxectivo do anticipo é proporcionar un fluxo de efectivo para axudar os agricultores a facer fronte aos seus gastos operativos durante o ciclo agrícola.
De maneira xeral, as comunidades autónomas poden realizar un pagamento anticipado entre o 16 de outubro e o 30 de novembro, que abrangue unha parte das axudas que os beneficiarios recibirán posteriormente durante a campaña. Porén, en 2026 a Comisión Europea autorizou que os pagamentos se puidesen facer antes do 16 de outubro, para compensar as dificultades de liquidez do sector agrario. Con todo, só tres comunidades autónomas realizaron este pagamento na última semana de setembro. O resto de autonomías, entre elas Galicia, decidiron non adiantar o pagamento polas complicacións contables que implicaría este adianto.
En comparación cos anos anteriores, os 46 millóns que se van anticipar nesta campaña da PAC superan os 44 pagados en outubro de 2025 e os 43 aboados no mesmo mes de 2024.
Precisamente, en relación coa PAC, a Xunta e as organizacións agrarias galegas acadaron recentemente un acordo para defender unha postura común neste ámbito, co obxectivo de garantir un orzamento suficiente que manteña, cando menos, a dotación actual, así como a continuidade das intervencións de desenvolvemento rural. Tamén se acordou traballar conxuntamente no deseño das axudas agroambientais de Galicia para o novo período da PAC, co fin de atender as necesidades das explotacións galegas.
A importancia da PAC para o agro galego
A política agraria común (PAC) é unha política común de todos os países da UE que se dirixe fundamentalmente ao sector agrario e ao medio rural. A súa base xurídica recóllese no propio Tratado de funcionamento da UE e desde o punto de vista orzamentario constitúe a principal política da Unión.
A PAC ofrece un forte apoio a agricultores e agricultoras tratando de proporcionarlles un nivel de vida razoable. Por tanto, favorece a estabilidade nos ingresos, proporciona seguridade e mellora a rendibilidade do sector agrario. Desta maneira, o apoio da PAC fomenta o mantemento da actividade agraria en particular, pero tamén do sistema alimentario no seu conxunto. Ademais, define as condicións que permiten que o sector agrario cumpra as súas importantes funcións proporcionando beneficios, xa non só para o sistema agroalimentario, senón tamén para os consumidores e da sociedade en xeral.
Entre estes beneficios están a subministración de alimentos acorde ás exixencias da consumidores; a conservación do ambiente e loita contra o cambio climático; a fixación de poboación e xeración de emprego no medio rural, e a xeración directa e indirecta de traballo no sistema agroalimentario.
As axudas da PAC fináncianse con cargo aos fondos europeos agrarios, FEAGA (Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria) e Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural).