A Xunta participa en Gastrónoma Valencia para promover os produtos alimentarios galegos

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou a importancia deste evento para abrir novos mercados e consumidores á oferta agroalimentaria galega
Gastronomica Valencia
28 Oct 2025

A Consellería do Medio Rural participa na feira Gastrónoma Mediterránea xunto con 14 expositores galegos que amosan a diversidade e potencialidade do sector alimentario da comunidade. Ademais, Medio Rural e Mar organizan degustacións de viños, queixos e produtos con certificación de orixe galega.

A Xunta de Galicia participa na feira Gastrónoma Mediterránea 2025, que se celebra en Valencia, co obxectivo de poñer en valor a calidade e a versatilidade dos produtos galegos. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte, asistiu este luns ao encontro, que definiu como “fundamental para abrir os produtos galegos a novos mercados e consumidores”.

A Consellería do Medio Rural acode acompañada de 14 expositores de diferentes sectores agroalimentarios que representan a diversidade da produción galega. Xunto á zona expositiva, os asistentes poderán desfrutar dun túnel do viño con arredor de 138 referencias de viños galegos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, ademais dunha mostra de augardentes e licores tradicionais.

As consellerías do Medio Rural e do Mar tamén organizan un completo programa de actividades e degustacións. Haberá catas de viños das DO Valdeorras, Ribeira Sacra, Monterrei e Ribeiro, así como unha degustación dos catro queixos galegos con DOP: Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón da Costa.

Baixo a marca Galicia Sabe AMAR, a Consellería do Mar presenta no seu stand a excelencia dos produtos mariños galegos, reforzando o seu compromiso coa mellora da comercialización a través dun investimento que supera os 14 millóns de euros. Grazas a este esforzo, mantéñense máis de 100 accións promocionais en feiras, mercados e eventos sectoriais.

A edición deste ano de Gastrónoma Mediterránea, a décima, reúne 290 expositores nun espazo de 28.500 metros cadrados, converténdose nun dos encontros gastronómicos máis importantes do Estado.

⚙ Configurar cookies
0.30000019073486