A Xunta pon en valor os cascos históricos como motores de dinamización turística e comercial

A Xunta de Galicia puxo en valor o papel dos cascos históricos como espazos estratéxicos para a dinamización turística, comercial e social das vilas e cidades galegas.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo un encontro co presidente da Confederación Española de Cascos Históricos (Cocahi), José Manuel Bello, e outros representantes da entidade para analizar novas vías de colaboración.
Durante a reunión, o conselleiro destacou a importancia de reforzar estes espazos singulares e recoñeceu a labor que Cocahi desenvolve en defensa do comercio e da vida nos centros históricos. Lembrou ademais que o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 inclúe accións dirixidas a potenciar o turismo comercial mediante experiencias que conecten o comercio local co patrimonio cultural, histórico e natural.
Entre estas iniciativas salientou o proxecto Vilas Vivas, que botará a andar en Ribadavia durante este ponte de decembro. Trátase dun programa piloto con vocación de continuidade noutras vilas que conten con cascos históricos ou singulares e que presenten unha alta concentración de baixos comerciais pechados. O obxectivo é recuperar estes espazos a través do seu alugueiro, rehabilitación e posta a disposición de comerciantes e artesáns en formato efémero, fomentando así a reactivación económica e turística.