A Xunta pon en valor os proxectos estratéxicos autonómicos como instrumentos para ordenar o territorio, impulsar vivenda protexida e a economía

A directora xeral de Urbanismo, Mª Encarnación Rivas, destacou hoxe a importancia dos Proxectos de Interese Autonómico (PIAs) e dos Proxectos Industriais Estratéxicos (PIEs) como ferramentas fundamentais para ordenar o territorio, promover a vivenda protexida e favorecer o desenvolvemento económico e social en Galicia. Fixoo na súa intervención nas xornadas Proxectos estratéxicos e territorio, organizadas por DAXXI (Un Dereito Administrativo para o S. XXI) e o Consultor dos Concellos (Aranzadi La Ley), celebradas en Estepona, Málaga.
Na súa intervención, subliñou que a Xunta está a reforzar o seu compromiso coa ordenación do territorio e o desenvolvemento económico a través destes instrumentos, "claves para garantir unha planificación eficiente, axilizar a tramitación administrativa e dar resposta ás necesidades reais da cidadanía".
Os PIAs permiten actuar en ámbitos prioritarios como a creación de solo para vivenda protexida, a implantación de dotacións urbanísticas ou a posta a disposición de solo para actividades económicas. Neste sentido, Rivas puxo en valor a Estratexia Galega de Solo Residencial, coa que se prevé desenvolver solo suficiente para construír 25.000 vivendas nas zonas de maior demanda, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda da mocidade e dos colectivos con máis dificultades.
Tamén destacou o papel dos Proxectos Industriais Estratéxicos como mecanismo de atracción de investimentos nacionais e internacionais, así como de impulso á innovación e á competitividade empresarial. Estes proxectos requiren investimentos significativos, a creación de emprego estable e a integración en sectores estratéxicos vinculados ás políticas europeas, e contan con vantaxes administrativas como a tramitación prioritaria, a prevalencia sobre o planeamento municipal ou a posibilidade de acceder a subvencións sen concorrencia competitiva.
En definitiva, segundo salientou Rivas, "Galicia está aproveitando os proxectos estratéxicos como unha auténtica ferramenta de transformación, que nos permite avanzar con paso firme en cohesión social, acceso á vivenda e dinamización económica, situando á nosa comunidade como referente na ordenación do territorio e no desenvolvemento industrial a nivel autonómico".