A Xunta poñerá en marcha antes do verán o Plan de Cirurxía Menor en Atención Primaria para realizar operacións sinxelas nos centros de saúde

O novo plan permitirá realizar intervencións sinxelas en centros de saúde, como furónculos ou quistes, evitando desprazamentos ao hospital. Os primeiros centros en implantalo serán o Virxe Peregrina de Pontevedra e o CIS da Residencia de Lugo.
Rueda
26 Apr 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que antes do verán comezará a implantación do primeiro Plan de Cirurxía Menor en Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta, co obxectivo de realizar intervencións sinxelas nos propios centros de saúde, sen necesidade de derivar aos pacientes a hospitais. O plan busca evitar desprazamentos innecesarios, especialmente en zonas rurais, e resolver as patoloxías cunha atención próxima, segura e eficiente.

As intervencións que se realizarán serán de curta duración, baixo anestesia local e sen complicacións posoperatorias previsibles. Entre as patoloxías que se tratarán figuran furónculos, verrugas, quistes epidérmicos, feridas abertas, unlleros, hematomas subungueais ou reaccións a corpos estraños.

O Plan supón un investimento inicial de 1,7 millóns de euros para a compra de material e formación de persoal médico e de enfermaría. Este ano licitarase a adquisición de 300 lámpadas rodantes de luz fría por 1.050.000 euros, e ata 2029 prevese sumar 60 máis. Tamén se contempla un taller de suturas e cirurxía menor para profesionais de atención primaria cun orzamento de 122.500 euros.

O persoal sanitario que xa realizaba estas intervencións ou que reciba a formación específica será o encargado de aplicar o plan. Os protocolos foron deseñados por un grupo de traballo multidisciplinar con participación de médicos de familia, persoal de enfermaría, dermatólogos, cirurxiáns e hematólogos.

Os primeiros centros que porán en marcha o plan serán o centro de saúde Virxe Peregrina, en Pontevedra, e o Centro Integral de Saúde do barrio da Residencia, en Lugo.

Segundo o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, esta iniciativa reflicte o compromiso da Xunta por consolidar a atención primaria como eixo vertebrador da asistencia sanitaria, reforzando a súa capacidade resolutiva e motivando ao persoal coa diversificación das súas funcións.

Esta acción enmárcase dentro da Estratexia Galega de Saúde 2030 e complétase co Plan galego de atención domiciliaria e cos Plans locais de saúde, que apostan por achegar os coidados á realidade de cada barrio ou parroquia.

⚙ Configurar cookies
0.11491298675537