A Xunta prepara o mercado voluntario de créditos de carbono e activa un novo portal climático

A plataforma permitirá conectar proxectos de redución ou absorción de CO₂ con empresas e particulares interesados en adquirir créditos
empresa-industria-poligono-recurso
6 Oct 2026

A Xunta de Galicia avanza na posta en marcha do primeiro mercado voluntario autonómico de créditos de carbono, unha ferramenta dixital coa que pretende facilitar que empresas, organizacións e cidadanía poidan compensar as súas emisións mediante o financiamento de proxectos destinados a reducir ou absorber gases de efecto invernadoiro.

O Consello da Xunta foi informado dos últimos pasos para desenvolver esta plataforma, que estará operativa a finais deste ano e que, segundo o Executivo galego, converterá Galicia na primeira comunidade autónoma en dispoñer dunha ferramenta destas características. O sistema permitirá poñer en contacto aos promotores de iniciativas capaces de xerar créditos de carbono con empresas ou particulares interesados en adquirilos, teñan ou non a obriga legal de compensar as súas emisións.

A iniciativa enmárcase no Sistema voluntario de créditos de carbono impulsado pola Xunta para favorecer a descarbonización da economía galega e promover novas oportunidades vinculadas á economía verde nos ámbitos forestal, agrario e acuícola, entre outros. O obxectivo final é contribuír á neutralidade climática de Galicia no horizonte de 2040. O decreto que regula este sistema foi aprobado a finais de 2025 e, desde entón, os traballos centráronse no desenvolvemento da infraestrutura tecnolóxica necesaria para facer operativo o mercado.

Os proxectos susceptibles de xerar estes créditos poderán estar relacionados con actuacións como a reforestación, a acuicultura sostible ou o desenvolvemento de enerxías renovables. A plataforma permitirá xestionar estas iniciativas e facilitar as operacións de compra e venda dos créditos.

O sistema tecnolóxico está a desenvolverse no marco do proxecto SICLE CO2 e será accesible a través do novo Portal de Acción Climática. A ferramenta combinará intelixencia artificial, datos multisensor, imaxes obtidas por satélite, sistemas de información xeográfica e tecnoloxía blockchain. Ademais, estará preparada para intercambiar información con outros sistemas da Administración autonómica e con bases de datos oficiais, co obxectivo de garantir a seguridade, a rastrexabilidade e o seguimento das operacións.

O proxecto SICLE CO2 conta cun investimento superior aos seis millóns de euros e o seu desenvolvemento continuará de maneira progresiva ata 2028. Nese período completaranse diferentes fases relacionadas coa incorporación de módulos, integración de datos e tecnoloxías, validación, probas, formación e soporte.

Ao mesmo tempo, a Xunta puxo en funcionamento o novo Portal de Acción Climática de Galicia, concebido como un punto de acceso único á información e aos recursos relacionados co cambio climático. A plataforma pretende facilitar a consulta de datos e documentación, mellorar a transparencia da Administración e coordinar a participación dos diferentes axentes implicados nas políticas climáticas.

O portal reunirá nun mesmo espazo dixital información sobre mitigación das emisións, adaptación aos efectos do cambio climático, innovación, formación e divulgación, ademais de normativa, plans, informes e ferramentas de planificación e gobernanza. A Xunta presenta este modelo como unha proposta singular no ámbito estatal pola integración nunha única plataforma de todos estes contidos e recursos.

A ferramenta tamén pretende ofrecer servizos específicos aos diferentes colectivos. As empresas e organizacións poderán atopar información sobre obrigas e boas prácticas, mentres que os concellos terán acceso a recursos para desenvolver políticas climáticas no ámbito local. A cidadanía, pola súa banda, contará con materiais destinados á formación e sensibilización.

A xestión do portal corresponderá á Oficina de Cambio Climático, que asumirá ademais a función de conectar a Administración coa sociedade. A través desta canle, empresas, concellos, centros educativos, entidades sociais e cidadanía poderán consultar información, participar en iniciativas, incorporar novas actuacións e establecer colaboracións relacionadas coa transición climática.

A Oficina de Cambio Climático tamén facilitará o contacto entre os diferentes axentes e orientará cada colectivo cara aos programas e recursos dispoñibles en función das súas necesidades, co propósito de reforzar a participación social nas políticas climáticas de Galicia.

0.35194706916809