A Xunta presenta as novas funcións da app Sergas Móbil, que permitirá chats directos entre pacientes e profesionais

A Consellería de Sanidade anuncia novas funcionalidades para a app Sergas Móbil, incluíndo un sistema de mensaxería directa e un asistente virtual con intelixencia artificial. O contrato de servizos, cun orzamento de 1,5 millóns, publicarase nos próximos días.
app Sergas
4 Jun 2025

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, presentaron hoxe en rolda de prensa as novas funcionalidades da aplicación Sergas Móbil, que permitirá abrir un chat directo entre profesionais sanitarios e pacientes.

Lobato anunciou que nos próximos días se publicará a licitación dun contrato de servizos valorado en 1.517.824 euros para desenvolver novas ferramentas dixitais de comunicación coa cidadanía, co obxectivo de mellorar os fluxos asistenciais e a atención personalizada.

A app do Servizo Galego de Saúde conta con preto de 2,2 millóns de persoas usuarias. Só en 2024 realizáronse máis de 7 millóns de consultas telefónicas de atención primaria, 1.700 videoconsultas e enviáronse máis de 15,5 millóns de SMS individualizados para cribados e vacinacións. Ademais, máis de 834.000 persoas empregaron a tarxeta sanitaria dixital.

Entre as novas funcionalidades destacan:

iChat para mensaxería directa entre profesionais e pacientes

Asistente virtual con intelixencia artificial que permitirá realizar consultas por voz ou texto, en galego ou castelán

Sistema de acompañamento a familiares e pacientes en urxencias ou hospitalización

Información guiada sobre cirurxías, vídeos explicativos e coidados posteriores

As novas ferramentas estarán desenvolvidas antes do 30 de xuño de 2026 e comezarán a implantarse progresivamente ata finais de 2027. Este proxecto está financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

⚙ Configurar cookies
0.22329711914062