A Xunta presenta en Ourense a nova Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza

O equipo Uicon, formado por axentes ambientais, créase para reforzar a protección e conservación do patrimonio natural galego
presentacion-uicon-ourense
14 May 2026

A Xunta de Galicia puxo en valor este martes en Ourense o papel da nova Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza (Uicon), un equipo especializado de axentes ambientais creado para reforzar a protección e conservación do patrimonio natural galego.

Durante a presentación da unidade, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz explicou que a creación deste grupo supón “un salto cualitativo na salvagarda e vixilancia avanzada do patrimonio natural”, ao contar con profesionais con formación específica para investigar e perseguir actuacións que poidan comprometer a biodiversidade e os hábitats naturais.

A responsable autonómica destacou ademais que Galicia será unha das primeiras comunidades autónomas en dispoñer dun equipo destas características. Segundo sinalou, esta unidade permitirá abordar cuestións que, “pola súa complexidade e carga de traballo, requiren unha especial dedicación, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares”, ademais dunha coordinación común en todo o territorio galego.

A nova brigada contará con mobilidade plena para actuar de maneira inmediata en calquera punto da comunidade autónoma e centrará o seu traballo en seis ámbitos principais: a loita contra o furtivismo e o uso de veleno, o control de especies exóticas invasoras, as verteduras incontroladas, o benestar animal e a xestión da fauna silvestre.

No acto tamén participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Marisol Díaz subliñou que esta nova unidade servirá de apoio ao labor que xa realizan os 165 axentes ambientais adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, encargados das tarefas de policía, custodia e vixilancia ambiental sobre o terreo.

A directora xeral incidiu en que estes profesionais desempeñan un papel fundamental nas actuacións impulsadas pola Xunta para garantir a conservación da riqueza natural e da biodiversidade de Galicia.

 

0.38006496429443