A Xunta presenta en Vigo o Living Lab de saúde centrado nas demencias e o deterioro cognitivo

A Xunta de Galicia presentou no Hospital Meixoeiro de Vigo o proxecto do Living Lab de saúde, unha iniciativa pioneira que terá como foco as demencias e o deterioro cognitivo.
O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, subliñaron o desafío que supón o incremento das enfermidades neurodexenerativas nos próximos anos e a necesidade de impulsar respostas innovadoras no ámbito asistencial.
O Living Lab concíbese como un laboratorio de ideas que promove a innovación aberta, coa participación activa de pacientes, familias, profesionais sanitarios, investigadores, empresas e centros tecnolóxicos. O obxectivo é mellorar a saúde dixital e avanzar en novas fórmulas de abordaxe das demencias.
A convocatoria está aberta a pemes, grandes empresas, start-ups, universidades, organismos de investigación, centros tecnolóxicos e entidades de apoio á innovación, así como a empresarios individuais. As propostas deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta antes do 20 de outubro.
Este proxecto enmárcase no Innov4life, coordinado pola Universidade de Porto, e que conta como socios galegos co Sergas, ACIS, a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia (Afaga). Dispón dunha dotación global de 1,5 millóns de euros a cargo do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.