A Xunta proba ferramentas de intelixencia artificial útiles e seguras para empregar nas aulas

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a dar novos pasos cara á incorporación da intelixencia artificial (IA) no sistema educativo galego. O conselleiro Román Rodríguez inaugurou hoxe o Congreso Intelixencia artificial e educación. Retos e oportunidades, no que participan máis de mil docentes de toda Galicia.
O obxectivo da xornada é achegar ao profesorado os conceptos fundamentais da IA, amosar as súas posibilidades como ferramenta pedagóxica e reflexionar sobre os aspectos éticos e legais que implica o seu uso nas aulas.
Durante a súa intervención, o conselleiro salientou a importancia de “adiantarse e afrontar os retos tecnolóxicos do presente” e destacou que a Xunta leva tempo traballando na integración da intelixencia artificial nas aulas a través do proxecto EdugalIa, enmarcado na futura Lei de educación dixital.
Ferramentas xa en probas
Román Rodríguez explicou que un grupo de docentes está a testar xa diversas ferramentas educativas baseadas en IA, co obxectivo de avaliar a súa utilidade e seguridade. Entre elas atópanse aplicacións para crear vídeos educativos, elaborar situacións de aprendizaxe, deseñar partituras, xerar esquemas e liñas do tempo ou crear e editar recursos de forma colaborativa.
Estas probas forman parte do despregamento do proxecto EdugalIa, dotado cun orzamento de 16,5 millóns de euros, dos cales 9,9 millóns proceden da Compra Pública Innovadora. Trátase da iniciativa educativa mellor valorada de España nesta convocatoria.
O proxecto busca mellorar a gobernanza educativa, crear o expediente dixital único do alumnado e establecer un novo modelo de acceso á información para as familias, cun punto único de contacto. Tamén incidirá na prevención do abandono escolar a través do procesamento avanzado de datos.
Galicia, pioneira en IA educativa
Galicia foi a primeira comunidade en incorporar materias específicas de IA na súa oferta educativa, e conta cun manual propio e cun marco ético en elaboración para garantir un uso seguro e responsable desta tecnoloxía.
Durante o congreso, especialistas como Alba Meijide, Lorena Fernández, Nerea Luis ou César Poyatos, entre outros, imparten relatorios e obradoiros dirixidos ao profesorado, ofrecendo estratexias para aproveitar o potencial da IA na docencia sen renunciar á seguridade e aos principios éticos.