A Xunta propón unha nova normativa de titulacións universitarias, que adaptará o número mínimo de alumnado

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai iniciar a tramitación dunha nova normativa en materia de titulacións universitarias para “modificar e modernizar” a existente, introducindo unha “maior flexibilidade na oferta de graos e mestrados”, tendo en conta sobre todo a dinámica poboacional presente e futura e para seguir fortalecendo o sistema universitario. “O obxectivo é poder deseñar un catálogo de titulacións innovador, de calidade e aliñado coas necesidades socioeconómicas de hoxe en día”, indicou.
O Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, tomou en razón o inicio da tramitación do futuro decreto que regulará as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia, a través do proceso de consulta pública previa, que se abrirá esta semana co fin de recoller as máximas achegas ao respecto. Cómpre ter en conta que na elaboración xa están participando as universidades públicas.
A principal novidade, segundo explicou o presidente, e “que se vai reducir o número mínimo de alumnos que debe ter unha titulación, tendo en conta a evolución demográfica”. O novo texto normativo terá en conta se se trata de estudos de grao ou de mestrados e se se oferta nos campus centrais ou nos campus nos centrais. Neste sentido, detallaranse os criterios establecidos para cada caso, así como as adaptacións específicas para titulacións concretas, como ata agora.
Deste xeito, actualízase o decreto vixente ata a actualidade que, tal e como explicou Rueda, “é de 2011, polo que ten que adaptarse á evolución de todos estes anos”. Nel, establecíanse un número mínimo de 50 alumnos e alumnas nos campus centrais e 45 nos non centrais para os graos universitarios e de 20 alumnos e alumnas no caso dos mestrados. Así mesmo, ao longo dos anos, establecéronse unha serie de indicacións especiais para casos específicos.
O obxectivo desta nova normativa é flexibilizar estes mínimos para adaptalos á dinámica demográfica, ao tempo que se incidirá tamén na captación de alumnado de fóra, tanto nacional coma internacional.
O futuro decreto tamén regulará o mapa de titulacións como un instrumento de planificación, coordinación e ordenación da oferta docente do Sistema universitario galego a medio prazo. O obxectivo marcado é completar a totalidade das titulacións significativas que se poidan cursar en Galicia, sobre todo no que atinxe ao eido científico e profesional. Así, tal e como lembrou o presidente da Xunta, “no curso que vén de rematar, o 2025-2026, se ofertaron 141 graos, 218 mestrados e 136 doutorados” en todo o Sistema universitario de Galicia.
“O obxectivo é seguir ampliando este catálogo, tendo en conta as novas demandas do mercado laboral e poñendo especial énfase naquelas titulacións que, tal e como permite albiscar a situación actual, terán moito futuro porque contarán cunha gran demanda e moita empregabilidade”, destacou.
Por outra parte, partindo do novo contexto xurídico xurdido da Lei orgánica do sistema universitario no ámbito estatal, a nova normativa autonómica incorporará a regulación doutras cuestións, como a mención dual, os programas académicos de simultaneidade, os de percorrido sucesivo, as titulacións conxuntas internacionais, os itinerarios abertos ou a formación ao longo da vida mediante microcredenciais e programas de curta duración.
“En definitiva, seguimos traballando para ampliar e adaptar á situación actual de Galicia a oferta universitaria e, por suposto, o faremos como ata o de agora, en estreita colaboración coas tres universidades públicas galegas”, asegurou Rueda.