A Xunta publica a contratación do químico Julián Bergueiro dentro do programa Oportunius

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a contratación do químico Julián Bergueiro como un dos 29 investigadores distinguidos do programa Oportunius da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que ten como obxectivo favorecer a atracción, retorno e retención de talento excelente e a garantir as condicións necesarias para que os seus beneficiarios poidan desenvolver e consolidar as súas carreiras científicas en Galicia.
Julián Bergueiro, que desenvolve o seu labor no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), da Universidade de Santiago de Compostela, é doutor pola Universidade de Santiago, onde desenvolveu unha investigación centrada na síntese estereocontrolada de retinoides, empregando reaccións catalizadas por metais de transición.
Tras realizar estadías posdoutorais na Freie Universität de Berlín e na Universidade de Tokio, no 2018 obtivo unha axuda Juan de la Cierva e retornou ao CiQUS, incorporándose ao grupo de investigación Granja/Montenegro, coliderado polo tamén investigador distinguido Oportunius Javier Montenegro. Neste grupo centra a súa investigación no ensamblaxe supramolecular de péptidos e a súa aplicación a problemas biolóxicos. En 2023 acadou un contrato Ramón y Cajal, o máximo recoñecemento estatal ao persoal investigador en fase de consolidación, ao abeiro do que desenvolveu a súa propia liña de investigación, de carácter pioneiro, que aborda a quiralidade da α-hélice e a súa transmisión a nanoescala.
En 2025 acadou unha axuda Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) para liderar ChiroPore (Helico-selective Membrane Transport), un proxecto que propón unha aproximación innovadora para lograr o transporte selectivo de moléculas a través de membranas. A iniciativa combina o deseño racional de bloques peptídicos helicoidais con técnicas avanzadas de caracterización estrutural e funcional para establecer un novo paradigma no recoñecemento molecular quiral a nanoescala. As aplicacións previstas abarcan desde biosensores de alta selectividade enantioselectiva ata plataformas para síntese asimétrica e sistemas de liberación de fármacos de precisión.