A Xunta publica a nova orde para a proba de acceso á universidade

É froito do acordo coas tres universidades públicas galegas e ten como obxectivo dar certezas e garantías para alumnado e familias
exame-abau-selectividade
1 Oct 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar no Portal de Transparencia a orde pola que se regula o novo modelo de proba de acceso á universidade (PAU), un texto froito do acordo coas tres universidades públicas galegas que ten como obxectivo dar certezas e garantías a alumnado e familias nun proceso de tanta importancia na vida futura dos estudantes.

A principal novidade da nova regulación é a creación dunha nova estrutura de coordinación institucional, que se configura a través dunha Comisión Organizadora e unha Comisión Técnica. O obxectivo é garantir criterios de exame xustos e equitativos e avanzar no obxectivo do Goberno galego de acadar un sistema de acceso á universidade máis homoxéneo a nivel nacional, cun marco regulador claro e garante da igualdade.

O novo modelo promove incrementar a revisión por pares e reducir a posibilidade de erros ou incoherencias nas probas. Así mesmo, crearanse bancos de materiais que faciliten a elaboración de modelos de exame, cuestión que quedará recollida nunhas instrucións específicas que se publicarán máis adiante.

O despregue total do novo sistema comezará a aplicarse no curso 2027/28, de tal forma que a Xunta e a Comisión Interuniversitaria de Galicia –que seguirá a ser a encargada da realización material das probas– poidan preparar os cambios co tempo suficiente e para que todos os axentes implicados poidan coñecer con antelación suficiente as modificacións.

Coordinación institucional

A nova estrutura de coordinación institucional está composta pola Comisión Organizadora e a Comisión Técnica. A Comisión Organizadora estará composta por tres representantes da Consellería, outras tres delegadas das universidades públicas (unha por cada unha delas) e unha secretaría externa á comisión. Garántese así a corresponsabilidade e representación de todas as partes implicadas nestas tarefas, que ata o momento recaían só na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG).

Este órgano ocuparase das directrices xerais dos exames, como os criterios para a redacción da proba –contidos axeitados, dificultade...– e para a súa avaliación, definindo os criterios para a elaboración das guías de cualificación de cada exame. Así mesmo, será a encargada de elaborar os bancos de materiais para facer modelos de proba e a que estableza os mecanismos de supervisión por pares entre os propios docentes que redactan as preguntas para detectar erros ou incoherencias antes do día do exame.

A Comisión Técnica será a responsable das tarefas loxísticas e operativas da PAU, como os horarios, lugares, medidas de seguridade na elaboración, selección e custodia das probas ou adaptación ás necesidades específicas de apoio educativo do alumnado. Estará formada por dúas persoas de recoñecida experiencia na docencia e xestión de probas de acceso a proposta da Xunta e polas persoas que ocupen a presidencia e a secretaría do Tribunal Único, órgano da CIUG que seguirá desempeñando as funcións de elaboración, custodia, distribución e corrección das probas.

Entre as principais funcións da Comisión Técnica están a publicación dos modelos de exame de cada materia e os criterios xerais de avaliación e resolución das reclamacións relativas a cuestións de natureza distinta ás cualificacións. Así mesmo, a Comisión Técnica proporá á Comisión Organizadora os membros dos grupos de traballo –que redactan os exames–, das comisións delegadas –que os realizan en cada unha das sedes– e dos tribunais cualificadores –que os corrixen– para o seu visto e prace.

Outra das novidades é o cambio na composición dos grupos de traballo, que se encargan da redacción, aplicación e corrección das probas. Estarán constituídos por un máximo de dous docentes das universidades públicas e outro máximo de catro do sistema de ensino público con docencia na materia ou do corpo da inspección. Deste xeito increméntase o peso da participación do profesorado de Bacharelato, que conta cunha experiencia máis directa e coñecemento do currículo desta etapa.

A persoa que ocupe a dirección –preferentemente un dos docentes universitarios–será responsable da elaboración das propostas de exame segundo os criterios e directrices marcadas pola Comisión Organizadora, así como das súas respectivas guías de cualificación. Coordinará tamén a colaboración de todas as persoas integrantes do mesmo e de que funcionen adecuadamente os mecanismos de supervisión e revisión das preguntas.

0.37900590896606