A Xunta publica dúas ordes de axudas por 2,2 millóns para a rexeneración dos bancos marisqueiros

As axudas financiarán proxectos para protexer os ecosistemas mariños e a biodiversidade, fundamentais para unha actividade que supera as 5.100 toneladas anuais en Galicia
File written by Adobe Photoshop? 5.0
4 Jan 2026

O Diario Oficial de Galicia publicou dúas ordes de axudas destinadas á rexeneración dos bancos marisqueiros, cunha dotación total de 2,2 millóns de euros, impulsadas pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar.

A primeira das convocatorias está dotada con 1,9 millóns de euros e está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), mentres que a segunda conta con 300.000 euros, financiados ao 100 % con fondos propios da Consellería do Mar.

Estas axudas teñen como obxectivo promover a elaboración e o desenvolvemento de proxectos dirixidos á recuperación de hábitats mariños e costeiros, favorecendo as poboacións de especies de interese marisqueiro e contribuíndo a unha mellor xestión e conservación dos recursos biolóxicos mariños.

Entre as actuacións subvencionables inclúense proxectos de restauración da biodiversidade e dos ecosistemas, tanto en bancos naturais como en zonas de cría e reprodución das especies. Tamén se financiarán actuacións orientadas á redución da contaminación física e química, medidas de conservación positiva e accións para previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que dificultan a reprodución dos organismos mariños.

As persoas beneficiarias destas axudas serán as confrarías de pescadores e as súas federacións, así como as organizacións de produtores e entidades asociativas do sector marisqueiro.

O marisqueo en Galicia

Galicia conta con máis de 3.000 permisos de explotación de marisqueo a pé, preto de 2.500 embarcacións de marisqueo a flote e arredor de 700 permisos vinculados a modalidades de recursos específicos.

Trátase dunha actividade desenvolvida por máis de 70 entidades asociativas, que no último exercicio acadou unha produción superior ás 5.100 toneladas, cun valor de mercado que supera os 62 millóns de euros, consolidándose como un piar económico e social clave no litoral galego.

⚙ Configurar cookies
0.2849109172821