A Xunta reactiva as comunicacións para queimas agrícolas

Lémbrase que a comunicación debe efectuarse sempre con dous días de antelación segundo a normativa
incendio-forestal-lume
26 Apr 2026

A Consellería do Medio Rural reactivou as comunicacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares na nosa comunidade, así como as solicitudes de autorización para as de restos forestais amoreados.

Lémbrase que a comunicación debe efectuarse sempre con dous días de antelación segundo a normativa.

Estas comunicacións poden realizarse a través da web específica ou chamado ao 012. Como viña sendo habitual, os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha queima de restos agrícolas procedentes de explotacións. No caso de efectuar o trámite chamando ao 012, deberán dar conta tamén desta circunstancia por teléfono.

A maiores, tamén se retomaron as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados. Neste caso e como vén sendo habitual, cómpre contar con autorización administrativa, dado o maior risco da actuación.

Cabe engadir que as comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería do Medio Rural son posibles de acordo co establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén está a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para favorecer a comunicación. Tanto as comunicacións como as autorizacións deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

0.33058500289917