A Xunta recibe máis de 3.600 solicitudes do Bono Emancípate na súa segunda edición

A Xunta de Galicia recibiu un total de 3.624 solicitudes para acceder ao Bono Emancípate na segunda edición destas axudas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina á mocidade, de entre 18 e 35 anos, para afrontar os primeiros gastos do fogar como é a compra de mobiliario ou electrodomésticos, entre outros.
Así, nesta convocatoria, para a que o Goberno galego achegou 3M€, incrementando deste xeito o orzamento de 2,25M€ do ano pasado, contabilizáronse 2.161 peticións para o réxime de alugueiro e 1.463 no caso de compravenda. Trátase de dúas modalidades con contías diferentes, xa que as persoas que reciban o bono na primeira das situacións contarán con 1.500€, mentres que as persoas con vivenda en propiedade accederán a 3.000€, tal e como se distribuíu tamén en 2025.
Unha vez pechado o prazo de solicitudes abriuse un proceso de revisión e validación dos requisitos esixidos para realizar a adxudicación, que se fará seguindo a orde de chegada das peticións. Neste senso, tal e como se recollía nas bases da convocatoria, algunhas das condicións eran figurar dentro da franxa de idade indicada; ter, polo menos, unha fonte regular de ingresos; posuír a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, ou estar empadroadas na vivenda na que van permanecer, entre outras cuestións.
Unha vez concedidas e comunicadas, as axudas fanse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual, expedida a nome da persoa beneficiaria, que pode ser utilizada ata o 31 de decembro como data límite. Ademais, as compras que se realicen deben facerse en establecementos con sede física en Galicia e non se poderá utilizar en compras a distancia.
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en marcha o Bono Emancípate, que tivo unha grande acollida na súa primeira edición, para dar resposta ás demandas da mocidade galega ante as dificultades de acceso a unha vivenda de seu que lle permita iniciar un proxecto de vida independente. Así, con esta iniciativa trátase de complementar as políticas de vivenda que xa vén desenvolvendo a Xunta de Galicia cunha acción diferente, poñendo en marcha unha liña de apoio complementaria a outras que teñen que ver co prezo de compra dun inmoble ou a renda do alugamento.
No 2025 a axuda chegou a un total de 1.066 persoas, das cales 584 correspondéronse a mozos e mozas que se emanciparan nunha vivenda de alugueiro e 482 ás que o fixeron en réxime de propiedade.