A Xunta reclama 1,6 millóns de euros a Naturgy polo incendio forestal de Padrón do mes de xuño

O Consello do Goberno galego avaliou hoxe a demanda, ao acreditarse que a causa do lume foi o incumprimento, por parte da compañía, da xestión da biomasa preto da súa liña eléctrica
incendio-forestal
1 Sep 2026

A Xunta de Galicia reclamaralle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. (do grupo Naturgy) a responsabilidade dos danos causados e os gastos de extinción orixinados polo incendio forestal rexistrado no concello de Padrón, parroquia de Herbón, o pasado 12 de xuño deste ano. Así o avaliou o Consello do Goberno galego na súa reunión de hoxe, con base nun informe presentado pola Consellería do Medio Rural.

En total, a reclamación farase por importe de 1.584.673,77 euros, tras acreditarse por informes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) de Medio Rural, corroborados polo parte oficial de incendios (sistema Egifweb), que a causa do lume foi a neglixencia da devandita compañía na xestión da biomasa preto da súa liña eléctrica.

Do total dos fondos reclamados, os gastos de extinción ascenden a 884.724,45 euros e os danos e perdas por destrución de arborado en montes veciñais con contrato coa Xunta calcúlanse en 699.949,32 euros.

Esta reclamación faise ao abeiro da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que habilita a Administración autonómica a repercutir os gastos de extinción “ás persoas que resulten responsables cando incumprisen as obrigas de xestión da biomasa vexetal que lles impón esta lei”.

Ademais, dáse a circunstancia de que constan diversas denuncias previas ao incendio, tanto por parte de axentes ambientais do distrito forestal IV como da propia UIFO e mesmo dun particular. Nelas advertíase á empresa de que as liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica non dispoñían do mantemento legalmente exixible en materia de xestión da biomasa nas redes primarias de protección. Deste xeito, púxose de manifesto un presunto incumprimento da normativa vixente nesta materia.

A primeira denuncia foi formulada pola UIFO xa en marzo de 2022. Posteriormente, en agosto de 2023, a reclamación dun veciño neste mesmo sentido foi contestada pola empresa recoñecendo o problema e comprometéndose a actuar. Porén, segundo o reclamante, entre esa data e o incendio non se executou ningún traballo de adecuación.

O incendio de Padrón-Herbón afectou unha superficie total de 373,21 hectáreas, das cales 298,57 foron de monte arborado e as restantes 74,64 de raso. A proximidade do lume a zonas habitadas fixo necesario ademais declarar a Situación 2 o día 13 de xuño, como medida preventiva operativa de emerxencia, por risco para varios núcleos habitados.

0.35910701751709