A Xunta reforza a inserción laboral das persoas en risco de exclusión cunha nova convocatoria de axudas de 1,5 millóns de euros

O DOG publica a convocatoria 2026 de axudas dirixidas ás empresas de inserción, que permitirán financiar salarios, crear novos postos de traballo e apoiar a integración sociolaboral de preto de 170 persoas.
Insercion Laboral
23 Jan 2026

A Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa inserción sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social cunha nova convocatoria de axudas dotada con 1,5 millóns de euros, segundo recolle a orde publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia.

A convocatoria, impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está dirixida ás entidades inscritas no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción de Galicia e ten como obxectivo mellorar a empregabilidade destas persoas e favorecer a súa integración normalizada no mercado laboral.

Esta medida alíñase cos obxectivos da vixente Estratexia galega da economía social: horizonte 2027, que prioriza tanto o reforzo da integración laboral dos colectivos con especiais dificultades como o apoio ás entidades que traballan a favor destes.

Segundo as estimacións da Xunta, as axudas permitirán beneficiar arredor dunha vintena de empresas de inserción laboral, que darán emprego a unhas 170 persoas en risco ou situación de exclusión social, así como a contratación de arredor de 12 profesionais de carácter técnico ou directivo.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto do 3 de febreiro ao 30 de setembro de 2026.

Detalles da convocatoria

O programa estrutúrase en dous grandes bloques. O Programa I céntrase no mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en proceso de inserción, subvencionando o 100 % do salario mínimo interprofesional, en proporción á xornada realizada.

Pola súa banda, o Programa II busca compensar os custos adicionais derivados do emprego destas persoas e inclúe sete liñas de axuda, entre as que se atopan a asistencia técnica para a creación, mellora ou diversificación das empresas de inserción; o inicio e posta en marcha da actividade; a creación e ampliación de postos de traballo; a contratación de persoal xerente, técnico de produción e orientación laboral; a formación das persoas en inserción; e a mediación para a súa incorporación ao mercado laboral ordinario.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, ata o 80 % dos gastos subvencionables, con contías máximas de 12.000 euros por posto de traballo creado, que poderán incrementarse ata 21.000 euros no caso de mulleres, persoas maiores de 45 anos ou centros situados en concellos rurais.

Ademais, prevense incentivos específicos para favorecer a inserción definitiva no mercado laboral, con achegas de ata 6.000 euros por contratación indefinida en empresas ordinarias, transformación de contratos en indefinidos ou inicio dunha actividade por conta propia.

⚙ Configurar cookies
0.28390002250671