A Xunta reforza a súa aposta pola economía azul ampliando a financiación dos GALP con 10,2 millóns de euros até 2029

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou este xoves as adendas aos convenios de colaboración cos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), unha medida que permitirá ampliar o período de financiamento destas entidades até o ano 2029 cun investimento total de 10,2 millóns de euros.
A través deste apoio económico, a Xunta garante o funcionamento dos GALP, entidades financiadas polo Goberno galego que agrupan os principais axentes económicos e sociais dos seus territorios e que colaboran na tramitación das axudas vinculadas ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Estas axudas están enmarcadas no Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, polo que, segundo sinalou a conselleira, a firma destas adendas permitirá unha execución óptima dos recursos comunitarios.
Marta Villaverde animou aos responsables dos GALP a aproveitar esta oportunidade, destacando que a iniciativa se inscribe nos obxectivos estratéxicos da Xunta de fomentar a economía azul nas rexións pesqueiras e acuícolas, divulgar o patrimonio marítimo-cultural e reforzar o papel dos distintos axentes vinculados ao sector no desenvolvemento local e na gobernanza dos recursos e actividades marítimas.
Neste contexto, lembrou que o pasado mes de xaneiro se publicaron dúas ordes de axuda dotadas con preto de 7,8 millóns de euros para financiar proxectos ao abeiro das EDLP. Estes fondos permitirán impulsar novas iniciativas que se sumarán aos preto de 350 proxectos executados nas tres convocatorias do período FEMPA, que mobilizaron un investimento público-privado de 46,4 millóns de euros nas comunidades costeiras galegas.
A conselleira destacou a contribución destes apoios ao desenvolvemento de iniciativas cunha forte pegada no territorio, especialmente en ámbitos como a conservación do patrimonio cultural-marítimo, a creación de emprego e o relevo xeracional. Os potenciais beneficiarios destas axudas son pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e entidades sen ánimo de lucro, como confrarías de pescadores ou outras organizacións do sector.
Villaverde aproveitou tamén para animar ás persoas e entidades interesadas a presentar novos proxectos na última convocatoria de axudas, cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro 16 de febreiro.
Para a aplicación das EDLP, a Consellería do Mar seleccionou a finais de 2022 un total de oito GALP: Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Seo de Fisterra-Ría de Muros e Noia, Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda. Estes grupos integran máis de 400 organizacións locais, das cales arredor dun cento pertencen ao sector pesqueiro, representando a máis de 13.000 profesionais do mar.