A Xunta reforza en 2026 a formación especializada en igualdade a través dos centros Quérote+

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, anunciou en Santiago de Compostela que a Xunta de Galicia reforzará ao longo de 2026 a formación especializada que desenvolve o equipo dos centros Quérote+ dirixida ao persoal da Administración autonómica, do ámbito educativo e do sanitario.
Este reforzo responde á elevada demanda e á boa valoración das accións formativas impulsadas nos últimos anos. No caso do persoal da Administración Pública, o curso Acompañamento emocional á xuventude, impartido a través da Escola Galega de Administración Pública, contará este ano con dúas edicións. No ámbito sanitario, manterase o reforzo iniciado en 2025 coa formación Atención sociosanitaria respecto da diversidade sexual LGBTI, en colaboración coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que volverá ter tres edicións.
Así mesmo, a Xunta prevé incrementar a formación específica destinada ao ámbito educativo co curso Educación sexual na aula, dirixido a profesorado de todas as etapas educativas.
María Quintiana puxo en valor o labor que realizan os centros Quérote+ na promoción da igualdade entre mulleres e homes, do bo trato, da non discriminación e da prevención da violencia de xénero. Fíxoo durante unha visita ao centro de Santiago de Compostela, onde analizou os resultados acadados en 2025 e avanzou as liñas da programación para 2026, ano no que estes recursos cumpren 20 anos de traballo coa mocidade.
A directora xeral sinalou que os centros Quérote+ seguirán abordando cuestións clave para a xuventude, como a sexualidade, a diversidade sexual, o benestar emocional e a atención ao colectivo LGBTI. A súa actividade estrutúrase arredor de tres grandes ámbitos: información e asesoramento, formación e participación.
Na actualidade, a Xunta conta con cinco centros Quérote+ situados nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, que atenden consultas de maneira presencial, telefónica e en liña. Ademais, o seu persoal desprázase a centros educativos, concellos e entidades sociais para impartir talleres, cursos e charlas especializadas.