A Xunta reforzará o relevo xeracional e o sector primario cunha orde única de axudas ao autoemprego de preto de 41 millóns de euros

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, presidiu a reunión da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, na que se fixo balance da evolución do traballo por conta propia durante 2025 e se avanzaron as liñas estratéxicas para o vindeiro exercicio.
Durante o encontro, no que participaron as principais organizacións representativas do sector —APE Galicia, ATA e Agtamar-UPTA—, Fernández destacou que a orde única de axudas ao autoemprego que se consolidará en 2026 contará cun orzamento próximo aos 41 millóns de euros, co obxectivo de potenciar o relevo xeracional e reforzar o sector primario.
Entre as principais novidades, salientou o incremento do Bono Remuda ata os 1,5 millóns de euros e a ampliación ata 24 meses da cota cero para as novas altas de persoas autónomas que se produzan nos ámbitos da agricultura, a gandería e a silvicultura.
A convocatoria única prevé beneficiar arredor de 9.000 persoas traballadoras autónomas, recoñecendo o seu papel clave na xeración de emprego, na vertebración do territorio e na fixación de poboación. Segundo explicou Fernández, esta orde integrará de novo os principais programas de apoio ao colectivo, acompañando ás persoas emprendedoras desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, incluíndo tamén medidas de conciliación, relevo e segunda oportunidade.
Neste contexto, lembrou que Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior peso do autoemprego, xa que as persoas traballadoras autónomas representan preto do 20 % do total das afiliacións, case catro puntos por riba da media estatal.
Durante a reunión tamén se abordou a evolución da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, composta por 15 centros distribuídos por toda Galicia, que xa levan asesorado máis de 5.300 proxectos. O secretario xeral anunciou o seu reforzo de cara a 2026, baixo a coordinación do Centro de Orientación ao Emprendemento e en colaboración coa rede impulsada no I Congreso Ultreia Galicia, co obxectivo de garantir que calquera persoa, en calquera punto do territorio, poida acceder aos mesmos recursos de formación, acompañamento e financiamento para emprender.