A Xunta reforzará o servizo de atención á cidadanía polas axudas aos afectados polos incendios

O conselleiro Diego Calvo anunciou o reforzo do 012 para resolver dúbidas sobre as liñas de apoio que aprobará a Xunta a próxima semana. As medidas inclúen tamén fondos para entidades locais que deben afrontar gastos e danos derivados dos lumes.
Axudas incendios
25 Aug 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe en A Estrada o reforzo do servizo de atención e información á cidadanía da Xunta, co obxectivo de atender consultas sobre as medidas urxentes para reparar os danos causados polos incendios forestais deste verán en Galicia. Estas liñas de apoio serán aprobadas a vindeira semana nun Consello extraordinario en Ourense.

En concreto, incrementarase o número de profesionais para dar resposta ás chamadas recibidas no teléfono 012 e ampliarase o horario do servizo. Segundo explicou Calvo, a Xunta está a cuantificar os danos provocados polos lumes para activar con celeridade as diferentes liñas de axuda das consellerías implicadas.

Os apoios dirixiranse a persoas damnificadas e poderán cubrir perdas en explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras; tecores; establecementos comerciais, industriais, turísticos ou deportivos; así como infraestruturas e vivendas, incluído o aloxamento provisional das familias afectadas. Tamén se habilitarán fondos para as entidades locais co obxectivo de facer fronte aos gastos derivados das actuacións de emerxencia e reparar os danos en bens municipais.

Nunha visita ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o conselleiro agradeceu directamente o esforzo do seu persoal, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo. Calvo subliñou o papel esencial das e dos xestores de chamadas como primeiro canal de información e destacou a importancia do reforzo do departamento de enlace para garantir unha coordinación eficaz cos equipos despregados no terreo.

O conselleiro salientou ademais a posta en marcha de recursos como a instalación do Centro de Coordinación Provincial de loita contra os incendios en Ourense (CECOP), que permitiu unha mellor xestión da información e unha resposta máis eficiente. Ademais, apuntou que o operativo contou con ata medio cento de xestores no pico de actividade do 15 de agosto.

Calvo incidiu tamén no valor dos canais oficiais do 112 Galicia (web e redes sociais), que se converteron nestes días nunha fonte de referencia para a cidadanía e para os medios de comunicación, ofrecendo información veraz e puntual. Finalmente, trasladou o agradecemento do Goberno galego ao conxunto de profesionais vinculados ás emerxencias en Galicia, polo seu compromiso e dedicación nunha situación tan complexa.

⚙ Configurar cookies
0.27723908424377