A Xunta renova o seu compromiso coa inclusión das persoas xordas na programación da Cidade da Cultura

A Fundación Cidade da Cultura e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia asinan un novo convenio para reforzar a accesibilidade do Gaiás durante os vindeiros dous anos.
persoas xordas
19 Jan 2026

A Xunta de Galicia renovou o seu compromiso coa accesibilidade cultural das persoas xordas e xordocegas a través dun novo convenio de colaboración entre a Fundación Cidade da Cultura e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

O acordo foi asinado en Santiago de Compostela pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e pola presidenta da Federación, María Alonso Mesia, e terá vixencia durante os vindeiros dous anos. O obxectivo é promover boas prácticas culturais sen barreiras e garantir o acceso pleno á programación do Cidade da Cultura de Galicia.

Este convenio enmárcase nas políticas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e na aplicación da Lei de cultura inclusiva e accesible, apostando por traballar da man das entidades que coñecen de primeira man as necesidades das persoas con maiores dificultades de acceso á oferta cultural.

Entre as principais liñas de actuación, incídese especialmente na presenza de intérpretes en lingua de signos e de guías-intérpretes para persoas xordocegas, tanto nas visitas ás exposicións como en grandes eventos, actividades infantís e programación familiar. O asesoramento especializado da Federación será clave para avanzar na adaptación dos contidos expositivos do Gaiás á lingua de signos e na creación de materiais audiovisuais accesibles.

O acordo tamén reforza outras medidas xa implantadas, como o servizo de bucle magnético no Museo para persoas con implante coclear e audífonos, así como a incorporación de mochilas vibratorias en concertos e espectáculos musicais, como o ciclo Atardecer no Gaiás, mellorando de forma significativa a experiencia cultural das persoas con discapacidade auditiva.

⚙ Configurar cookies
0.36626791954041