A Xunta tramita a repotenciación duns 20 parques eólicos para eliminar 626 aeroxeradores

O Executivo autonómico autorizou xa oito proxectos deste tipo e recibiu nove solicitudes máis, que se atopan en fase de avaliación ambiental
repotenciacion-parques-eolicos
20 May 2026

A Xunta de Galicia tramita nestes momentos preto dunha vintena de proxectos para repotenciar outros tantos parques eólicos xa en funcionamento —oito autorizados ou en obras e nove correspondentes a solicitudes novas— que permitirán unha mellora substancial da eficiencia das actuais instalacións, ao incrementar nun 35% de media a súa produción de enerxía renovable e eliminar, á vez, un total de 626 aeroxeradores grazas á substitución das unidades antigas por outras máis modernas e moito máis eficientes.

Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que precisamente visitou o parque eólico das Somozas para coñecer de primeira man os traballos de repotenciación que se están a acometer no mesmo e que lle permitirán operar con tan só 9 aeroxeradores fronte aos 81 que tiña orixinalmente.

Tras lembrar que con anterioridade a 2020 se acometeran en Galicia un total de cinco repotenciacións eólicas, a responsable autonómica explicou que só nos dous últimos anos o número de proxectos deste tipo que chegou ao seu departamento para ser tramitados se incrementou de forma substancial.

Neste sentido, incidiu en que repotenciar un parque eólico permite incrementar a eficiencia e a produtividade de instalacións que xa levan moitos anos operativas e requiren unha actualización e mellora do seu equipamento.

De feito, a conselleira subliñou que grazas a todos os proxectos de repotenciación que hai en Galicia (tanto os xa rematados, como os autorizados ou actualmente en tramitación), as novas instalacións eólicas poderán incrementar a súa produción enerxética mantendo en case todos os casos a mesma potencia e reducindo en máis de 800.000 toneladas as súas emisións anuais de CO2 á atmosfera, unha cantidade equivalente á que producirían 695.000 coches circulando durante todo un ano —é dicir, aproximadamente o parque móbil de turismos de toda a provincia da Coruña—.

Este dato, segundo explicou, é unha boa mostra dos beneficios ambientais que teñen este tipo de actuacións xa que garanten un incremento da enerxía verde que se produce en Galicia aproveitando infraestruturas existentes, algo fundamental para acadar o obxectivo da neutralidade climática no horizonte de 2040, tal e como se recolle na Lei do clima aprobada este ano.

Por iso, a conselleira lembrou que a Xunta aposta pola repotenciación de instalacións preexistentes e traballa para axilizar a tramitación das solicitudes que recibe xa que este tipo de proxectos permite obter parques eólicos máis modernos, eficientes e cun menor impacto visual e paisaxístico sobre a contorna, en liña coa aposta que fai o Goberno galego desde hai anos por un modelo enerxético e económico máis sostible.

A modo de exemplo, Ángeles Vázquez referiuse ao proxecto de repotenciación do parque eólico das Somozas, instalación xestionada por Naturgy que entrou en servizo hai máis de 25 anos e nestes momentos se atopan en pleno proceso de modernización.

No marco dos traballos en marcha, estanse substituíndo os aeroxeradores vellos (dos que xa se completou a fase de desmantelamento) por outros máis modernos e tecnoloxicamente máis eficientes, o que permitirá que o parque pase de 81 máquinas a tan só 9, reducindo a ocupación do territorio e o impacto visual e ambiental na zona. Ademais, as melloras previstas permitirán aumentar a produción anual deste parque ata os 168 GWh, é dicir, a enerxía necesaria para satisfacer o consumo eléctrico duns 48.000 fogares. Unha cifra que practicamente equivalería á totalidade de fogares da cidade de Ourense.

Este é un dos tres proxectos de repotenciación que ten Naturgy autorizados e actualmente en execución en Galicia. Os outros dous parques que se están modernizando son Monte Redondo, en Vimianzo, que pasará de 66 a 11 aeroxeradores, e Novo, en Valdoviño, San Sadurniño e Narón, onde se eliminarán 20 máquinas.

0.35676407814026