A Xustiza obriga ao Concello de Pontevedra a pagar a un policía local as vacacións non desfrutadas por baixa médica

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 de Pontevedra ditou unha sentenza na que estima integramente o recurso presentado por un axente da Policía Local de Pontevedra, representado polos servizos xurídicos de CCOO, e obriga ao Concello a aboarlle os días de vacacións correspondentes ao ano 2024 que non puido desfrutar ao atoparse de baixa médica ata a súa xubilación. A resolución é firme tras non presentar recurso a administración local.
O demandante, que se xubilou despois de 39 anos de servizo, recorrera a decisión da concelleira Eva María Villaverde Pego, que lle denegara a compensación económica polos días de vacacións non gozados ao considerar que se trataba dunha xubilación voluntaria.
Na súa defensa, o Concello baseou a súa postura nunha interpretación restritiva do artigo 50.3 do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), argumentando que non procedía compensación económica algunha. Porén, o axente sostivo que a imposibilidade de desfrutar das vacacións viña determinada pola súa incapacidade temporal, prolongada ata a data da xubilación, e non pola súa vontade.
A sentenza lembra a primacía do dereito europeo e a doutrina consolidada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que interpreta o artigo 7.2 da Directiva 2003/88/CE. Segundo esta xurisprudencia, o motivo da finalización da relación laboral é irrelevante, sendo suficiente que o traballador non puidese gozar das vacacións antes do cesamento para ter dereito á compensación económica.
O maxistrado anulou as dúas resolucións administrativas da concelleira e recoñeceu expresamente o dereito do axente a percibir a retribución correspondente ás vacacións non desfrutadas, ordenando o seu pago inmediato.
Desde CCOO salientan que a resolución pon de manifesto a obriga das administracións públicas de actuar como empregadoras respectando os principios básicos do dereito laboral, entre eles o de in dubio pro operario, interpretando sempre a normativa da forma máis favorable para o traballador.