Abandonan rodas xigantes nos leitos dos ríos de Touro e O Pino

Ecoloxistas en Acción e a veciñanza da zona esixe a apertura urxente dun expediente sancionador
roda-xigante-rios-touro-e-o-pino
28 May 2026

Ecoloxistas en Acción amosa a súa gran preocupación polo estado dos ríos nos concellos de Touro e O Pino, xa que estes días Augas de Galicia abriu dilixencias previas tras unha denuncia que alerta do abandono de rodas de gran diámetro en varios puntos fluviais da comarca.

Os axentes da Gardería Fluvial realizaron inspeccións sobre o terreo e emitiron un informe oficial. Nel constátase que os neumáticos xigantes están depositados en zonas de varios ríos do entorno da mina de Touro. O documento da administración sinala directamente á empresa Exploracións Galegas S.L., ao indicar que as rodas proceden probablemente desta mercantil por estar situadas nos seus terreos ou en parcelas lindeiras coa súa actividade.

Ecoloxistas en Acción advirte que o abandono destes residuos supón un grave impacto ambiental, xa que causa atrancos nas canles de auga, degrada o ecosistema dos ríos e incumpre as leis de augas e residuos. Por mor disto, rexistrouse unha petición formal ante a Augas de Galicia para pedir que se pase de inmediato das investigacións previas á apertura dun expediente sancionador.

As multas por este tipo de danos ás canles públicas poderían cualificarse como graves, alcanzando contías económicas moi elevadas para a empresa responsable de non atender á petición. A administración xa requiriu á empresa a retirada urxente de todas as rodas identificadas e a limpeza integral das súas parcelas lindeiras con ríos. Os colectivos sociais anuncian que vixiarán de preto o cumprimento desta orde para garantir que o contorno natural sexa restaurado canto antes.

0.272127866745