Abel Caballero: “Vigo debe ser incluída inmediatamente como sede do Mundial tras a renuncia de Málaga”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este luns que Vigo sexa incluída de inmediato como sede do Mundial de fútbol de 2030, logo da renuncia da cidade de Málaga. Así o manifestou na presentación dun informe xurídico elaborado polos despachos Montero Aramburu & Gómez-Villares Atencia, no que se expoñen diferentes vías de actuación para que a cidade sexa considerada como sede.
“Queremos priorizar a vía do diálogo”, indicou Caballero, sinalando que as actuacións máis inmediatas pasarán por instar á RFEF a comunicar á FIFA que Vigo debe ocupar o lugar de Málaga, remitir unha comunicación directa á FIFA solicitando esa substitución, e informar das irregularidades no proceso de preselección, sen ánimo de denuncia, pero si co obxectivo de que o Comité de Ética da FIFA valore a súa posible intervención.
O informe tamén contempla outras vías, menos inmediatas, baseadas na posíbel vulneración do principio de obxectividade, a negativa da RFEF a facilitar información, e un posíbel incumprimento das normas de transparencia establecidas pola FIFA.
Caballero explicou que o ditame suxire actuar simultaneamente en tres frontes: xurídico-administrativa, normativa FIFA e Dereito da Competencia, incluíndo a vía penal, aínda que se prioriza o diálogo institucional.
Por último, o rexedor vigués quixo deixar claro que “apoiamos con todas as nosas forzas a candidatura de Valencia. Non estamos en competición con ela”. O obxectivo, dixo, é que España teña 12 sedes e que Vigo sexa unha delas.