Abel Losada e Paula Fernández inauguran en Silleda a exposición ‘Amigo, dáte conta’ para concienciar sobre as violencias machistas

Silleda, 20 de febreiro de 2025 – A exposición ‘Amigo, dáte conta’, organizada pola Delegación do Goberno en Galicia, chega a Silleda co gallo do 8M, tras pasar por Vigo e Meis. A mostra busca concienciar á poboación máis nova sobre as violencias machistas, especialmente no ámbito das relacións de parella, a través de carteis informativos e viñetas que recrean situacións cotiás.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, inaugurou a exposición xunto coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, a tenente de alcalde Mónica González, a concelleira de Igualdade Ángela Troitiño, a psicóloga do CIM Anxos García e a responsable da Unidade de loita contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María José Rodríguez.
Durante o acto, Losada subliñou que a iniciativa busca poñer o foco na mocidade, “que é quen está a construír a sociedade do futuro, na que non debe ter cabida ningún tipo de expresión da violencia machista”. A alcaldesa de Silleda, pola súa banda, destacou a importancia de que a mostra chegue ao municipio durante as actividades do 8M e agradeceu á Subdelegación do Goberno a súa colaboración.
A exposición está composta por seis prismas que reproducen conversacións cotiás mediante unha linguaxe próxima á xuventude. A través de viñetas e carteis, reflíctense situacións de desprezo, machismo, violencia psicolóxica, abuso emocional e obsesión. Ademais, inclúense datos extraídos do estudo do Ministerio de Igualdade ‘La situación de la violencia contra las mujeres en la adolescencia en España’, realizado cunha mostra de máis de 13.000 mozos e mozas de entre 14 e 20 anos.
Abel Losada destacou a importancia de levar á rúa o debate sobre a violencia de xénero fronte ás voces negacionistas: “Por incrible que pareza, en pleno século XXI hai partidos políticos que din que a violencia de xénero é un invento ideolóxico e que ignoran as dramáticas cifras dos feminicidios”. Recordou que en 2024 morreron 48 mulleres en España, dúas delas na provincia de Pontevedra, e reafirmou o compromiso do Goberno coa loita contra esta lacra.
Finalmente, o subdelegado celebrou a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, acordado recentemente entre a maioría das forzas políticas, destacando a súa relevancia nun contexto de forte crispación política.