Abertas as inscricións para o 10º Repsol Eco Rallye A Coruña, que se celebrará en setembro

O 10º Repsol Eco Rallye A Coruña abriu este venres o prazo de inscrición para participar nunha edición moi especial, a do seu décimo aniversario, que se celebrará entre os días 17 e 20 de setembro.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o 4 de setembro no caso da FIA Eco Rally Cup e ata o 7 de setembro para o Campionato de España de Enerxías Alternativas.
Toda a documentación necesaria, incluído o boletín de inscrición, está dispoñible no taboleiro de anuncios dixital da proba, aloxado na páxina web oficial do Eco Rallye. Ademais, a organización utilizará a aplicación Sportity para comunicar toda a información ás persoas participantes mediante o contrasinal REPSOLERAC2026.
A competición será puntuable por terceiro ano consecutivo para a FIA Eco Rally Cup, o campionato internacional de referencia nesta especialidade, consolidando así o Eco Rallye coruñés entre as probas de maior prestixio do calendario mundial da mobilidade sostible.
A organización sinalou que nas vindeiras semanas dará a coñecer novos detalles desta décima edición. En 2025, a proba percorreu 574 quilómetros, converténdose na máis longa da súa historia, cun percorrido que atravesou 38 concellos da provincia da Coruña e que, por primeira vez, se estendeu tamén á provincia de Lugo, con paso polo concello de Xermade.
Repsol repetirá este ano como patrocinador principal do evento, renovando o seu apoio económico e organizativo a unha competición que se consolidou como unha das citas máis destacadas do calendario automobilístico nacional e internacional no ámbito da mobilidade sostible.