Aberto ata o 1 de outubro o prazo para candidaturas aos IV Premios á Excelencia Empresarial

O Concello de Santiago mantén aberto ata o 1 de outubro o prazo para presentar candidaturas aos IV Premios á Excelencia Empresarial, que distinguen ás compañías compostelás polas súas boas prácticas en diferentes ámbitos.
Excelencia Empresarial
28 Sep 2025

O Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica, ten en marcha a cuarta edición dos Premios á Excelencia Empresarial, dirixidos a recoñecer ás empresas compostelás polas súas boas prácticas en distintos eidos.

As categorías premiarán iniciativas no ámbito da conciliación, a economía circular, a aplicación da innovación e da ciencia no modelo de negocio, a comercialización de produtos e servizos culturais, o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda Urbana 2030, o desenvolvemento da economía social e a retención do talento.

Cada categoría contará cun premio de 6.000 euros e, ademais, concederanse tres mencións especiais dotadas con 2.000 euros cada unha.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 1 de outubro ás 23.59 horas. Unha vez pechado, o departamento de Promoción Económica fará o cómputo das candidaturas e verificará o cumprimento dos requisitos das bases.

As empresas gañadoras serán seleccionadas por un xurado integrado pola alcaldesa, a concelleira de Promoción Económica e representantes da Cámara de Comercio, da Área Empresarial do Tambre, da Unión de Cooperativas EspazoCoop, da Universidade de Santiago, do propio departamento municipal e da dirección executiva da Axenda Urbana 2030.

⚙ Configurar cookies
0.24785614013672