Aberto ata o 19 de setembro o prazo para presentar propostas aos Premios Educacompostela de renovación pedagóxica

O Concello de Santiago e Nova Escola Galega convocan a XVI edición dos Premios Educacompostela para recoñecer materiais didácticos que impulsen a innovación e a calidade educativa en Galicia.
eDUCACOMPOSTELA
22 Aug 2025

O Concello de Santiago de Compostela e Nova Escola Galega convocaron a XVI edición dos Premios Educacompostela, uns galardóns destinados a recoñecer, promover e difundir materiais didácticos que contribúan ao desenvolvemento educativo de Galicia. O obxectivo é favorecer a innovación, a calidade na educación, a renovación pedagóxica e a integración do ensino no medio no que se desenvolve.

Os materiais didácticos que se presenten poderán estar dirixidos a calquera nivel educativo —infantil, primaria, secundaria ou etapas postobrigatorias—, así como a diferentes contextos de acción socioeducativa, abordando temáticas vinculadas coa pedagoxía, a educación social e os colectivos destinatarios en organismos e institucións.

Segundo as bases, os traballos deberán ter a consideración de material didáctico, entendendo como tal aqueles recursos impresos, dixitais ou híbridos elaborados intencionalmente para os ámbitos educativos escolar ou social. Estes materiais deben servir como apoio aos procesos formativos, facilitar a adquisición de valores e estar ao servizo dun proxecto educativo.

O prazo para a presentación de orixinais estará aberto ata o 19 de setembro de 2025. As propostas deberán remitirse ao Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela (Rúa do Presidente Salvador Allende, 4. 15705 Santiago de Compostela), indicando no sobre “XVI Edición dos Premios Educacompostela”.

Admitiranse traballos entregados presencialmente, por correo postal ou mensaxería, sempre que a data de envío sexa anterior ou coincida co último día do prazo. Tamén se aceptarán os rexistrados noutros organismos contemplados no artigo 16 da Lei 39/2015, sempre que a data de entrada sexa anterior ou igual ao 19 de setembro.

⚙ Configurar cookies
0.26885795593262