Aberto o prazo de inscrición para Compostela Diversa 2025

A Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela abre hoxe o prazo de inscrición para unha nova edición de Compostela Diversa, que se celebrará do 5 ao 30 de xuño. Trátase da seis edición desta iniciativa pioneira, nacida en 2018, que ten como obxectivo converter Santiago nun referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia e promover a visibilidade e normalización do colectivo LGBTIQ+.
Até o 1 de xuño, poderán sumarse máis de 200 establecementos comerciais, hostaleiros e hoteleiros: comercios, bares, cafés e aloxamentos. Os participantes decorarán os seus espazos con mandís, carteis, postais, pousavasos e mantíns temáticos, formando unha ruta de cores e mensaxes polo casco histórico. As adhesións realízanse por correo electrónico en composteladiversa2025@gmail.com.
Paralelamente, a Concellaría de Comercio e Turismo, co apoio da Deputación da Coruña e do Mercado de Abastos, iluminará puntos emblemáticos da cidade: a Alameda (Porta Faxeira, Dúas Marías, Eucalipto dos Namorados), a Praza Roxa, a rúa das Ameas e o Paseo dos Leóns, onde se instalará un Arco de Cores xigante para que veciñas, veciños e visitantes se retraten xunto á Catedral. Esta decoración estará activa tamén entre o 5 e o 30 de xuño.
O programa completo, con xornadas de reflexión, obradoiros, actividades lúdicas e actuacións, presentarase nas próximas semanas. O acto central será a Gala do Orgullo, o 21 de xuño na Praza de Mazarelos, que pechará un mes de reivindicación e celebración da diversidade.