Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro de botiquín familiar natural no Lugar de Reque
O Espazo Permacultural Lugar de Reque, na contorna do centro de cestería, no paseo do río Rato, en Lugo acollerá un obradoiro sobre coidados para a saúde a base de plantas o vindeiro sábado 26 de febreiro.
Compartiranse nocións básicas sobre algunhas plantas empregadas para remedios naturais en preparacións sinxelas como as infusións ou decoccións ou algo máis elaboradas como tinturas, xaropes ou emplastos. Tamén se coñecerán as formas de conservación para poder acceder a elas durante todo o ano e, se o tempo o permite, aprender a recoñecelas a través dun roteiro polo campo.
O obradoiro estenderase por oito horas, concretamente de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do correo lugardereque@deputacionlugo.org. O prazo de inscricións ábrese hoxe domingo 20 de febreiro, aceptando as solicitudes por orde de recepción das mesmas.
A actividade forma parte da programación organizada para desenvolver ao longo do ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque, que incluirá un amplo abano de actividades ligadas á permacultura e á sostibilidade.
Así, durante as últimas semanas realizáronse obradoiros de poda, cosmética natural ou consumo responsable. Nos vindeiros meses, as actividades propostas orientaranse ao manexo de terras, á bioconstrución ou ao aproveitamento enerxético.
Tratase dun proxecto de revitalización da finca de Reque, para converter este lugar nun espazo de referencia para a divulgación, a formación e o intercambio de experiencias baseadas na permacultura ao tempo que se transforma fisicamente o terreo e o edificio do taller de cestería.