Aberto o prazo de inscrición para obter a Certificación galega de competencias dixitais no nivel iniciación

As probas realizaranse entre os días 2, 3 e 4 de decembro de forma presencial nas aulas CeMIT de 47 concellos de toda Galicia
mobil-ordenador-tecnoloxia
26 Oct 2026

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), abre hoxe o período de inscrición para obter a Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no seu nivel Iniciación, e que terán lugar en 47 localidades con aula CeMIT.

Esta convocatoria, con 1.071 novas prazas, está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.

As probas realizaranse os días 2, 3 e 4 de decembro repartidas en 88 quendas que abarcan diferentes horarios de mañá (ás 10 e ás 12 horas) e de tarde (16.30 horas) para poder así facilitar a asistencia das persoas interesadas.

Os lugares e datas concretas cos seus horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), na que figura o calendario destas probas presenciais nas 48 Aulas CeMIT e onde se pode realizar e consultar toda a tramitación e inscrición neste proceso.

Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo, no caso de que existan prazas vacantes abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nas listaxes de espera.

Contidos online e avaliación

Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT (https://formacion-cemit.xunta.gal) pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais.

Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.

Novas convocatorias para o ano 2027

Durante o ano 2026 convocáronse 5.198 prazas para obter a certificación de competencias dixitais (ComDix), tanto no seu nivel iniciación (2.058) como no seu nivel intermedio (3.140).

Estas probas terán continuidade durante o próximo ano 2027, con novas convocatorias para o primeiro semestre que sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia xa a comezos de ano e se publicitarán con anterioridade na web da rede CeMIT.

A previsión é convocar o ComDix no seu nivel Intermedio a finais do mes de febreiro e xuño e, no seu nivel Iniciación no mes de abril. As datas exactas, xunto coas bases da convocatorias, publicaranse no mes de xaneiro.

0.27176594734192