Abre o prazo para que os concellos opten ás axudas para a promoción das festas de interese turístico

O Diario Oficial de Galicia publicou recentemente a resolución pola que se establece a convocatoria de subvencións destinadas ao apoio e promoción das festas declaradas de interese turístico de Galicia para o ano 2026. A convocatoria conta cun orzamento total de 500.000 euros destinados a sufragar os investimentos vinculados á promoción e difusión destas celebracións, co obxectivo de contribuír á posta en valor das festas tradicionais galegas e ao impulso da actividade turística nos destinos nos que se desenvolven. Cada unha das citas poderá contar con ata 4.000 euros de axuda, sendo previsiblemente beneficiadas un total de 125 festas.
Estas axudas están dirixidas aos Concellos galegos nos que se celebren durante este ano, festas declaradas de interese turístico de Galicia. Tamén poderán beneficiarse as agrupacións de municipios que, sen personalidade xurídica, formen parte dos concellos nos que se celebran estes eventos. É necesario que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro.
As subvencións concederanse atendendo á orde de entrada das solicitudes no rexistro e ata o esgotamento do crédito dispoñible. As entidades beneficiarias deberán xustificar as actuacións subvencionadas antes do 30 de setembro de 2026 para os eventos celebrados ata o 31 de agosto, ou ata o 21 de decembro de 2026 no caso das celebracións que teñan lugar despois desa data.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e iniciarase o 19 de maio, permanecendo aberto ata o mesmo día do mes de xuño. As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, baixo o código TU500A. As bases da convocatoria poden consultarse na páxina web institucional de www.turismo.gal.