Abre o prazo para solicitar as axudas para libros e material escola da Xunta

Os fogares con rendas iguais ou inferiores aos 10.000€ por membro teñen aberto o prazo ata o 19 de xuño
material-escolar
19 May 2026

As familias con fillos en Educación Primaria, ESO e Educación Especial poden solicitar xa as axudas da Xunta de Galicia para a compra de libros e material escolar, así como o préstamo de manuais a través do fondo solidario. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar esta convocatoria, que conta cun orzamento de máis de 17 M€ e que vai dirixida ás unidades familiares con rendas iguais ou inferiores aos 10.000€ por membro.

O obxectivo é facilitar a volta ao cole no vindeiro curso 26/27 nos fogares galegos a través dunha iniciativa que, sumada aos alumnos que contan con libro dixital, chega a sete de cada dez escolares das devanditas etapas educativas, apoiando máis a quen máis o necesita. No presente curso 166.449 alumnos tiveron libros de balde a través dalgunha destas modalidades e, deles, 122.950 accederon tamén a vales de material.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, mediante o formulario dispoñible na aplicación informática, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa.

No caso dos fogares con rendas superiores aos 10.000€ e ata os 30.000€, poderán beneficiarse dunha dedución fiscal na declaración da renda. Cómpre lembrar que, para obter este beneficio, os pagamentos non poderán facerse en diñeiro en efectivo.

Vales para material

As axudas para material estrutúranse en dous vales, de 75 e 60€. Aos de 75€ poden acceder as familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000 €, mentres que o vale de 60€ comprende as rendas superiores a 6.000 € e iguais ou inferiores a 10.000 €.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % será beneficiario desta axuda polo importe máximo de 75 €, con independencia da renda.

As axudas á compra de libros de texto son para o alumnado de 1º e 2º de Primaria e para todas aquelas situacións nas que, por diferentes motivos, os libros non son reutilizables. Os tramos de renda e os importes das axudas mantéñense, consolidando o incremento de cursos anteriores, de entre 20€ e 30€ en función da renda familiar.

A axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) é de 240€ e a do segundo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€) é de 160€, en Primaria. No caso da ESO, os importes sitúanse en 270€ no primeiro tramo en 180€ no segundo. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta recibe o importe do primeiro tramo, con independencia da renda, é dicir, 240€ en primaria e 270€ na ESO.

As axudas son de 300€ para todo o alumnado matriculado en Educación Especial –en centros específicos ou en unidades dentro de centros ordinarios–, así como para os de Primaria ou da ESO que, tendo necesidades específicas de apoio educativo e un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, non poidan utilizar os libros de texto do fondo. Percibirán este importe con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

No caso dos cursos nos que os manuais se poden reutilizar, isto é, entre 3º de primaria e 4º da ESO, as familias poderán acceder ao fondo de libros, dotado con máis de 510.000 manuais para prestar o alumnado. Por segundo curso consecutivo poden beneficiarse deste préstamo tamén os participantes no programa E-Dixgal.

Con carácter xeral, os escolares poderán ter ata a seis libros do fondo, en función do nivel de renda. Tanto para acceder ao fondo como para recibir as axudas de libros e material é imprescindible devolver os libros do curso anterior. Ademais, nos casos en que o centro deba adquirir algún libro adicional por non seren suficientes os existentes no fondo, o Goberno galego aboa por cada un 40€ en Primaria e 45€ na ESO.

0.34004497528076