Activada a alerta amarela por calor este sábado no interior de Pontevedra

Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta activa mañá, sábado, o sistema de alerta amarela por episodio de calor nas seguintes zonas isoclimáticas:
Nivel 1 (amarelo): zona isoclimática do interior de Pontevedra.
Así, actívase a alerta amarela nos concellos da Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Segundo as previsións de Meteogalicia, este sábado seguiremos baixo a influencia das altas presións en Galicia, con entrada dunha masa de aire cálido desde o sur peninsular. Con isto, teremos néboas matinais en zonas do interior, que darán paso a tempo seco e solleiro. As temperaturas experimentarán un ascenso, máis acusado nos valores máximos.
O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas están dispoñibles nesta ligazón.