Activada a alerta amarela por calor na zona de Valdeorras

No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, e segundo os datos enviados por MeteoSalud e por Meteogalicia, hoxe, luns, actívase a alerta amarela por episodio de calor na zona isoclimática de Valdeorras.
O nivel 1, amarelo, afectará aos concellos do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras.
Meteogalicia informa que as altas presións situadas ao norte da península Ibérica atraerán unha masa de aire moi cálida procedente do norte de África que chegará mañá a Galicia e estará sobre a nosa comunidade ata o mércores. Isto, combinado co ceo despexado e as moitas horas de sol, fará que as temperaturas alcancen valores moi elevados, polo que cómpre seguir as recomendacións para evitar un posible efecto adverso sobre a saúde.
O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, as recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde están dispoñibles nesta ligazón.
Recomendacións xerais para a poboación
Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e menores de 4 anos, sobre todo as menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Alzheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc.; e persoas en determinadas situacións: maiores que viven sós, persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.
A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e pechar as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.
No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.
Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.