Activada a alerta amarela por calor noi interior de Pontevedra para mañá

Segundo as predicións remitidas por MeteoSalud, e no ámbito do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, para mañá sábado actívase o sistema de alerta por episodio de calor na seguinte zona isoclimática:
Nivel 1 (amarelo): interior de Pontevedra.
As previsións de MeteoGalicia indican que a partir de mañá sábado as altas presións localizaranse ao norte da península Ibérica, onde quedarán estacionarias polo menos ata o vindeiro mércores. Desde esa posición, impedirán que cheguen influencias atlánticas e atraerán aire cálido desde o sur. Isto deixará ceo despexado, vento en calma e temperaturas elevadas nos próximos días.
O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas están dispoñibles nesta ligazón.
Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.
Os concellos que pertencen á zona isoclimática para a que se activa a alerta amarela son os seguintes:
Interior de Pontevedra: Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.