Activada para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral oeste da Coruña e Rías Baixas

Suspéndese a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar coas excepcións establecidas no protocolo publicado na web de Deporte Galego
temporal coruña
28 Sep 2026

A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral oeste da Coruña. Coa fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a predición, o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde media mañá de mañá martes. Agárdase vento do sur de ata forza 8 e mar combinada do Sur o Suroeste con ondas de ata 5 metros na contorna de Fisterra.

Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade do programa Xogade e federada no mar no oeste e suroeste da Coruña de 9,00 a 18,00 horas e nas Rías Baixas de 12,00 a 18,00 horas, coas excepcións establecidas no protocolo de alertas publicado na web de Deporte Galego.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Os concellos afectados son:

Oeste de A Coruña: Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía.

Suroeste de A Coruña: Boiro, Muros, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira.

Rías Baixas: Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Catoira, O Grove, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Nigrán, Oia, Pontevedra, Poio, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa.

0.35327005386353